luns, 7 de abril de 2014

I RUTA BTT CIDADE DE PONTEVEDRA



Fai xa varias das semanas que varios dos Trisqueles nos apareceu no Facebook unha solicitude de amizade dunha tal “I Ruta BTT Cidade de Pontevedra”. Xa sexa animados pola curiosidade, por non ser o último en enterarse ou por ter algo que comentar na seguinte saída ó monte, algúns decidimos aceptar a solicitude de amizade. Ás primeiras de cambio, o panorama non é que pintara moi ben: apenas algunha publicación de cando en cando e unhas fotiños que lle daban algo de vida a un evento que semellaba non levantar grandes paixóns nin animación entre os bikers que sabían da súa existencia. Un cartel, unha simple data, 30 de marzo, unha sinalización pintada nunha captura do Google Maps e un track que se demoraba en exceso tampouco é que axudaran a lanzar o evento, a pesares dos titulares dos xornais. Para colmo de males, a última hora da tarde-noite do día 29, anúnciannos que un oriundo dun lugar polo que pasaba o trazado da ruta colocara uns troncos atravesados en plena baixada, decidido protexer a capa e espada as súas fincas acuciado pola proximidade do paso das bicicletas. Nembargantes, a primeira sorpresa foi a que a uns días do 30 de marzo, data da ruta en cuestión, a organización anunciaba que había preto de 800 bikers inscritos. Moita xente e un evento do que a información tampouco era excesiva. Efectivamente, os preludios non eran do mellorciño.


Así pois, o día 30 alá se dirixíu unha delegación do Trisquel, formada por Manuel Casal, Andrés, Luis e Cristóbal quen, por problemas físicos, desistíu de acudir e, claro, a representación quedou nun trío... de bikers, por suposto. Ainda os últimos resistentes da noite pontevedresa facían acto de presencia camiño da retirada, mentres tomaban a última e fruncindo o ceño ó ver tanto “matado” en bicicleta ou mesmo pedindo unha volta. Recollidos os dorsais, e movéndonos pola zona da saída inmediatamente nos decatamos de dúas cousas:

  1. O primeiro, que a difusión da ruta a través do Facebook fora realmente efectiva xa que naquel intre, por megafonía anunciaban máis de 900 participantes e que posiblemente se achegarían ó millar. Algo que xa era patente no ambiente desde ben cedo ainda que o ceo pintaba dun perigoso ton gris que ameazaba choiva.
  2. O segundo, que a vistosidade da nova equipación do Trisquel ten a ventaxa de facernos distinguibles dende ben lonxe, gracias a ese ton verde característico o cal comeza a ser diferenciado e reputado na orbe do mountain bike coma o ‘verde trisquel’. Emporiso non foi difícil atoparnos entre tanto biker.


Xa xuntos, colocámonos na saída. O frío da mañá era considerable pero soportable. A choiva, ameazante. Unha vez en movemento, a pequena mancha verdinegra comezou a moverse cara a parte dianteira do grupo que se extendía ó longo das rúas entre os aplausos e apupos dos pontevedreses presentes na rúa; outros saían ó balcón chamados polo balbordo dos bikers entre cánticos, berros e risotadas. Bo ambiente.

Abandonada a zona de Matogrande, dirixímonos cara as aforas de Pontevedra ainda entre veciños que recibían con algaravío a primeira edición da súa ruta BTT. Pasando por Ruibal e Agrovello as primeiras ramplas comezan a facer a criba e as primeiras ramplas fannos empezar a subir coroas. As primeiras acumulacións de xente, sen embotellamentos na parte pola que rodabamos, comezan a ser notorias e a facer máis parsimoniosa a escalada de posicións. Apretando nas zonas máis anchas ainda damos superado a algúns compañeiros que, con maior ou menor velocidade, pero con idéntico ánimo e tesón, afrontaban as subidas aferrados á súa bike. O perfil estaba a responder ó anunciado, co groso da subida ata prácticamente o km 25.


Pasados uns quilómetros, e continuando a subida non tardamos os trisqueles en dispersarnos e perdernos de vista uns ós outros entre os outros bikers. Comezaba a ruta en solitario. Este que escribe, adiantando algunha que outra posición moi de cando en cando, alcanzou o primeiro avituallamento ó tempo que as nubes negras cumplían o seu cometido e caían as primeiras pingueiras. O primeiro efecto foi que a terra húmeda pola que se redaba de xeito máis ou menos agradecido deu en formar unha capa de lama tupida. O segundo, que esa lama comezaba a dispararse da roda dianteira para, nalgunha que outra ocasión, rematar en pleno padal facéndolle compañía ós últimos retazos das barriñas do avituallamento; sobre todo cando saiamos ó asfalto. Foi nese intre que quen escribe deu en alcanzar, logo dun desorbitado esforzo a roda do biker que o precedía. Este, sorprendido polo extenuado xeito no que lle dera alcance e sen deixar de dar pedais, comezou a falarme de entrenos, de rutas e ata da súa vida. As miñas monosilábicas, fatigosas e extemporáneas respostas non o fixeron cesar na conversa. Resultou ser un tal Gabriel Villanueva (3º na copa BTT de Galicia no Master 30). Así as cousas, a duras penas seguindo o ritmo deste e tamén as conversas, veu Deus a verme cando me saltaron as gafas que levaba no casco e o meu monologuista acompañante deu en abandonarme, o que me permitíu axeitar o meu ritmo.



Logo dunhas voltas polo Lago Castiñeiras, un dos puntos neurálxicos desta I Ruta BTT Cidade de Pontevedra e cuia paisaxe se viu minguada pola néboa existente, comezaba a zona de baixada. Zonas non excesivamente técnicas pero sí perigosas por mor da choiva caída e que naqueles intres xa cesara. Tivemos baixadas de todo tipo: trialeras, pasos por ‘singletracks’, cortalumes... Todas elas perfectamente sinalizadas, limpas e ben seleccionadas xa que a bike baixaba con soltura, deslizándose alegremente tanto entre os eucaliptos coma nas concostras baixo preciosas arboledas. Para min, o mellor da ruta exceptuando o deslucido (e se cadra forzado) paso por una barriada na que a suciedade e o escombro mancharon un impecable trazado.


 Despois de tanta baixada, demos a unha zona de pisteo, a carón da autovía para xa conducirnos a unha longa baixada polo asfalto que nos levou ata o mesmo centro de Pontevedra, onde a organización, encabezada polo CC Farto, tiña preparada un gran final de ruta coa chegada na espectacular zona monumental, pinchos, zona de lavado, música, etc. Intres que aprobeitamos os trisqueles para xuntarnos novamente e comentar as nosas peripecias e, asemade, para departir cos outros bikers entre bromas e precisións. Andrés e Luis, entre os quince primeiros e Manuel, lastrado por unha caída, coincidimos en que, ben que un puntiño máis de dureza non lle sobraría, a I Ruta BTT Cidade de Pontevedra pasou o exame con nota.
  

Agardamos repetir e, dende aquí, trasladamos a nosa máis sincera noraboa ós organizadores.


CRÓNICA: Luís Martínez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario