domingo, 3 de xaneiro de 2016

311215 RUTA DESPEDIDA 2015.

31 de decembro de 2015. Tocaba saída Trisqueliana en carretera. Tempo gris, moi gris. Malia iso decidimos personarnos no lugar de saída habitual, diante do club náutico de Pontecesures. O noso ‘Pemán’ particular, Moroko e á súa ávida providencia nestes mesteres (máis ben as tropecentas aplicacións móviles que foi substituindo unha tras outra indo de desatino en desatino para desesperación nosa), auguraba tempo nubrado pero que non ía caer “nin unha pinga”. E nestas que alí aparecemos os trisqueles... todos con chuvasqueiro, incluido o propio Moroko.

Compareceron, o xa mencionado Moroko (alias ‘mrk’ e en 2016 xa oficiosamente ex-hipster –para ben da imaxe do clube-), Padín (xefe de filas a por horas reconvertido a sufridor nato), Pedro, David, Cristóbal (ex-PeterSagan), Rubén Carro (con media hora de antelación –non sexa que marchen sen min-), Miguel Penedo (alias ‘vendoRockShoxSID’), Juan (socio de honra de Inox Albacete) e este que escribe (o guapo e polivalente ciclista caldense do Trisquel –síntese: ventaxas de ser o que redacta-). Rubén Solymar preferiu marcarse un FLEX e pasar do tema, quizáis producto dun ‘ensaio’ por adiantado da noite de fin de ano. Ademais deu en acompañarnos Silvia Blanco, que chegou á cita xa cuns cantos km nas patas e, ultimamente, moi asidua ás nosas saídas. Quedaríalle moi ben o verde trisquel, ¿non si?

Indo ó tema. Destino: o Iroite. E como nos ía facer falta o tempo para estarmos de volta a unha hora decente como persoas civilizadas,¡tachán! xusto a benemérita ten a ben parar a Juan cando viña de camiño, o cal retrasa a nosa saída. Ou eso dixo él. Sexa como fora arrancamos dirección Lestrove. Nada máis pisar Dodro, pinchazo de Silvia, que o bo de Padín repara nun plis-plas. ¡Comezaba ben a cousa¡ Volvemos a arrancar, poñendo ritmillo, entre lerias animadas (e cuchilladas variadas) e, como é costume, co Moroko pegando berros insistentemente dende a parte traseira ata que nun determinado momento chegando a Boiro decide poñer el o ritmo, levando consigo á cabeza do grupo ó pobre de Pedro, que por casualidade andaba por alí e asume o rol con resignación. Todos os que pasamos por esa situación o comprendemos.

Saíndo xa de Boiro enfilamos cara o cruce de Runs que dá entrada óIroite. Moroko, famento de ramplas e buscando exprimir os seus últimos días de bikerhipster, case se mete na intersección equivocada. Xa no cruce bo, afrontamos o Iroite e os seus aproximadamente 10 km de subida, que deron en recibirnos coas pingas dunha lixeira choiva e cos apupos doutros colegas do trisquel que (oh, ¡qué tremenda casualidade!) pasaban por alí no coche. As ata entón animadas conversas tórnanse en illados comentarios. Xa en plena faena Pedro toma a iniciativa e colle uns metros, sobre un xa disgregado grupo encabezado por Moroko e Cristóbal. David, o máis listo da clase, deixa facer ós demais namentres opta por meterlle barritas ó corpo, sabedor de que a subida ó Iroite se che pode facer máis larga que un día sen pan. Silvia, a que mellor coñece a subida e á que, por certo, a cor verdetrisquel lle quedaría moi ben (¡ejem!), metendo piloto automático para subir a ritmo. Carro e Miguel Penedo, á expectativa, acompañados de Juan.Padín máis eu, xefe e gregario respectivamente do comando Devesa-CarracedoTeam,  á espera de máis movementos. Avanzados un par de km, Pedro segue collendo metros, e por atrás agrupamos Cristóbal, Moroko e este que escribe, uníndosenos pouco despois Padín que, preso do discurso motivador de Gulli no Aloia, decide exprimir o seu plato de 39, metendo un arreón co que nos dá alcance. Foi xusto nese intre, cando levabamos sobre 3 km de ascensión, que Moroko decidiu soltar unha desas xoias en forma de frase que quedan para os anales da historia do clube e da arte do engano: “Tirade vós, que tedes boas pernas e eu vou cun punto menos”.  Os que, coma min, xa sabemos ‘de qué pé coxea’ o Moroko xa nos cheiramos que algo prepara. Así que opto por enganchar a Pedro, ainda por diante, e Cristóbal opta por quedar co Moroko. “Tranqui, Cristóbal, que eu hoxe vou por pulsacións” lle espetou. E o pobre de Cristóbal, creuno. Padín, á zaga.

A situación mantense uns cuantos km, Pedro máis eu imos metendo metros, ata que Pedro comeza a descolgarse. Así seguimos uns km ata que¡sorpresa! ¿Quén apareceu por detrás na distancia? Efectivamente: Moroko. O de “vou cun punto menos” e “vou por pulsacións” acababa de deixar ‘tirado’ a Cristóbal que nin sequera coa enerxía das TostaRica con membrillo que lle mete ó corpo ultimamente, puido seguir a Moroko que, metros despois, fixo o propio con Pedro. E o seguinte, obviamente, era eu. E quedaban uns cantos km. Tocaba apretar o cú e ensinar que no Devesa-Carracedo estamos feitos doutra pasta. Era, ademáis, o momento de saldar contas pendentes (Ruta Pedra da Cruz, Caldas 2014). Con Moroko en plena persecución Iroite arriba, volve caer a choiva. Á dereita imos deixando unhas vistas espectaculares. Subida tendida. Moroko non cede e mantén o ritmo. A serpenteante subida permite que nos vexamos de cando en cando. Apreto, pero os metros de vantaxe comezan a minguar e a larga, morena e barbuda figura do Moroko cada vez máis preto. Sen embargo, non sei se por misericordia do meu compañeiro ou por qué, aguantamos así ata o final da subida. ¡Menuda serie de media hora me fixo marcar! Por detrás, chegan Pedro e Padín, éste co turbo metido e en plena exhibición de pundonor. ¡Grande este xefe de filas! E tamén Cristóbal, que chega tan sobrado que entre medias nos dá unha lección de nutrición deportiva. Pouco despois chega o resto, agrupamos arriba, foto de rigor (coas espectaculares vistas da ría de Muros e Noia de fondo), selfie do Moroko e tiramos para abaixo para escapar do frío do Iroite, do que xa Silvia, á que o verde trisquel lle quedaría espectacular (só o deixo caer...), nos tiña sobre aviso.


Unha vez rematada a baixada, especialmente perigosa polos restos do temporal destes días e o firme mollado, presos do reloxo decidimos suprimir o café e regresar, se ben por separado. Parte final infame para Juan que sufríu as inconveniencias técnicas dun pinchazo nun tubular e que seguiu como puido cunha estoica paciencia.

Moralexa: “as palabras lévaas o vento, e se son do Moroko con maior razón”.

Polo demáis, unha gran ruta para despedir un 2015 cheo de moitos km, moitas aventuras, moitas risas e historias ‘madein’Trisquel. Agardando que o 2016 sexa tan productivo ou máis que o 2015 e que nos permita seguir aprendendo e disfrutando deste deporte e das anécdotas que as rutas do Trisquel sempre nos deixan.

Crónica: Lúís Martínez.


Ningún comentario:

Publicar un comentario