martes, 31 de marzo de 2015

290315 II RUTA BTT CIDADE DE PONTEVEDRA

II RUTA BTT CIDADE DE PONTEVEDRA


É público, notorio e socialmente recoñecido que Trisquel é un clube que se precia, entre os propios e os alleos, por ter nas súas filas cracks do BTT, en calidade e cantidade. Iso é así. Nembargantes, para esta ruta celebrada na capital pontevedresa, as circunstancias (concretamente a pandemia de carreterismo que invade o noso clube) fixeron que este que escribe rematase asistindo como único representante dos ‘verdi-negros’. Un único trisquel entre máis de mil participantes; telita coa responsabilidade que me viña enriba… habería que facerse notar, senón na ruta sí nas cañas que prometían ó final os amigos do CC Farto de Pontevedra, que eran os que levaban o tinglado.


Din que se algo funciona, mellor non cambialo, e viceversa. Eu ainda tiña fresco na memoria e nas pernas o recordo da ruta do Lacón en Cuntis, onde por mor de ir pisando a fondo dende a saída, por pouco o tío do Mazo me manda directo ós obituarios dos xornais locais. Así que desta houbo que calibrar mellor as forzas. Hai que ir vendo como van as patas, pois achéganse as rutas nas que toca mollarlle a ourella ó Moroko (y lo sabes!) e saldar vellas contas.

Pero deixemos as vellas glorias e vaiamos ó miolo da ruta. Trala lectura dun comunicado da plataforma Todos Somos Diego, deuse a saída e alá nos lanzamos todos coma tolos camiño do monte Castiñeiras, o punto máis elevado desta ruta. Despois dun ruteo polas rúas da capital do Lérez, e ainda no grupo de cabeza que ía embalado polas pistas forestais, chegaron as primeiras ramplas nas que tocou apretalo cú. Alí, rodeado de miuras, decidín ‘baixar unha marcha’ e ir ó meu ritmo. Non tardei en facer piña cun vello coñecido do Corbelo e entre os dous fomos avanzando posicións a moi bo ritmo e recollendo os cadáveres que deixaban os animais que rodaban en cabeza.


No que toca ó perfil da ruta hai que dicir que dende un primeiro momento se advertiu que o percorrido era o mesmo do ano anterior, pero invertido, o cal determinou que a ruta gañase beleza e dureza por enteiros. Ruta con moitos tramos rodadores só interrumpidos por algunha subida técnica e moi rota na que moitos optaban por botar pé a terra. Nunha desas ramplas, especialemente dura, este que escribe ía meditando se facer o propio ata que se sentíu unha voz por detrás: “Baixa da bici, ‘matao’!”. Sobra dicir que, ainda que a costa de deixarme os xemelgos, acabei subindo por c…óns. Moralexa: antes de chamarlle ‘matao’ a un biker, mira o maillot e asegúrate que non sexa un trisquel.


Outro dos tramos dignos de mención foi un ‘single track’ tan técnico como espectacular, con constantes subidas e baixadas nos que o máis mínimo erro ou despiste podía mandarte de cabeza ó río e no que a bo seguro algún manillar dalgunha 29 deu algún que outro susto.

De ahí ó final, despois de coroar o Castiñeiras, moito terreo rodador por paraxes espectaculares, por intres acompañados da néboa, moi bo ritmo e unha secuencia de descensos por unhas trialeras de escándalo que fixeron as delicias do milleiro de bikers que tomaron a saída, nas que a bicicleta parecía entrar en éxtase do gusto que daba deslizala por aquelas ladeiras tan traballadas. Algo que sorprendía, ademáis, era a cantidade de xente que se achegou a tódolos puntos do trazado e que non dubidaban un segundo en animar a todos os bikers.

Ruta rematada nalgo máis de dúas horas, acabando adiante, con boas sensacións no persoal (Moroko, tiembla!), e, o mellor de todo, final cunha festaza no medio de pinchos e cañas a fartar, música e moitas risas entre os compañeiros comentando os pormenores. Ruta sobresaínte, moi digna de repetir.




Crónica: Luís Martínez.


Ningún comentario:

Publicar un comentario