luns, 16 de xuño de 2014

BTTinto 2014. Lama Edition.

¡Madre de Dios! ¡Menudo inferno de lama e auga! ¡Qué dureza de percorrido! Como micro-compendio da BTTinto 2014 non estaría mal. Pero quedarían moitas cousas interesantes no tinteiro, ¡porque mira que deu de sí a ruta este ano! Pero vamos por partes.


Entre os 2600 inscritos, como non podía ser doutro xeito, tiñamos a uns cantos trisqueles dispostos a deixarse notar entre o xentío. O turno desta vez foi para Tito, Pablo Novo, Javi Novo, Alberto Novo, David, Rubén Carro, Pablo o de Villa e este que escribe. Exigua representación, en comparación co total de participantes, pero moi notable.


Hai que dicir que cando un servidor, que ordinariamente se lle pegan as sábanas, se levanta coma un resorte un domingo de xuño a horas intempestivas, xa pode ser por algo importante. Son inevitables os comparativos con eses grandes eventos ós que, coma os musulmáns á Meca, acoden indefectiblemente os teus colegas (chámese Viñarock, final da Champions ou a Feira do Percebe do Roncudo), quenes despois se tiran semanas contándoche os pormenores do evento en sí. Pois para un servidor ese evento é a BTTinto.

Unha vez en Ribadumia e co dorsal na man, previo o café de rigor, houbo que posicionarse na saída para tomar a posición máis dianteira posible coa idea de evitar ou coller os menos posibles embotellamentos que o gran número de participantes facía presaxiar. O tempo presentábase gris e as nubes ameazaban, circunstancia que seguramente propiciou que os 2600 inscritos non atopasen reflexo no número final de participantes. Cos trisqueles dispersos no medio da masa de ciclistas e bikes, caeron as primeiras pingas namentres Terio Carrera, unha vez máis ‘speaker’ oficial da ruta, arengaba ó personal ó tempo que as primeiras pingas comezaban a caer lixeiramente e o colorido dos chuvasqueiros emerxía no gran grupo. Uns cantos berros de guerra (¡Betetintooooo! ¡Betetintooooo!) e alá vamos.


Comezabamos así un percorrido polas rúas de Ribadumia que nos ía dirixindo cara o monte. Adiantando posicións coma un poseso e ó mesmo tempo botando unhas risas con algúns comentarios fomos chegando ás primeiras ramplas. Unhas ramplas bastante selectivas e nas que os coñecedores do terreo ían advertindo ós demáis: “Queda moito de Dios ainda”. Daquela xa a choiva decidira facer acto de presencia para poñerlle un chisco máis de dureza, pero tamén de encanto, á BTTinto 2014. Despois de tanto subir fomos dar á primeira trialera que, por mor da choiva caída, deu en convertirse nun torrente de lama no que moitos, entre eles este que escribe, nos demos un revolcón e probamos o sabor da terra da que sae un dos mellores viños. Sen apenas agarre nas rodas e cuns freos que resultaban absolutamente inefectivos, cada un baixou como puido. A pesar de todo, hai que dicir que a trialera era es-pec-ta-cu-lar.

Coa choiva minguando pasamos a unha nova zona de subida, por intres con zonas repletas de pedras e moi técnicas, cos xa emblemáticos carteis da BTTinto “animando” ós bikers (“4000 euros nunha bici para empurrar por ela”, “Todo o que baixes telo que subir”). A subida pola que agora deambulabamos tiña o seu aquel pero os que iamos xuntos por aquel entón iámonos dando ánimos uns ós outros confiados en acadar a cima e conscientes da proximidade do primeiro avituallamento. Coitadiños... Sabendo que ese punto se atopaba moi preto, e despois dun xiro de 180 graos deu en aparecer ante nós un terrible cortalumes polo que se observaba como a meirande parte dos que nel se atopaban escalaban por él coa bike pola man namentres outros máis testáns porfiaban en manterse en pé. Os comentarios non tardaron en deixarse escoitar entre o varapao psicolóxico que aquela imaxe supuña: “Mimadriña...”, “Deus nos pille confesados...”, “Co ben que estaba eu indo á misa...”, ¿Por onde é a alternativa?”. Entre uns e outros, con calma e boa letra, eu fun avanzando metro a metro ata coronar, mentres repartía algún que outro apupo co pouco aire que me quedaba. Nunca un avituallamento prestou tanto.


A partires de ahí dirixímonos a unha zona de rodar fácil, sobre todo tendo en conta o que viñamos de deixar atrás, para tomar unha zona de baixada por unha zona de pisteo, por momentos perigosa pola cantidade de pedras que había, tomando logo unha senda moi estreita. ¡Ai os manillares das 29...! Sempre coas indicacións dos membros da organizacións perfectamente dispostos en cada cruce, en cada baixada, en cada terreplén e con indicacións da situación de todas as fontes, que nese día lle fixeron un gran favor ás transmisións xa que máis dalgún aproveitou para desenterrar as coroas da lama que selle acumulara enriba.

O seguinte paso era no lugar da Escusa cunha zona de subida, dura pero asumible. Ou eso pensaba eu. A cada rampla que remataba de subir aparecía unha, se cabe, peor. E así ducias de metros sen fin, rampla tras rampla, que facían tan desesperadamente lento o avance que por intres me desesperaba. Era a xa repetidamente anunciada “subida do burro” que, visto o visto, ben podemos mudarlle o nome polo de “burrada de subida”. Por aquel entón, e tendo tomada a ruta longa, xa rodaba en solitario. Naquela subida só me topei cun biker que, vencido, deu en botar pé ó chan nos derradeiros metros; quizáis ignorante coma min de que o tedio chegaba ó seu fin.


A zona rompepernas á que aquela terrible subida deu paso era común para a ruta longa e a curta polo que, a pesar de ser moi puntuais as zonas de embotellamento, producto de pequenas zonas técnicas ou embarradas mas que os menos experimentados poñían pé a terra, o pedalear volveuse forzosamente máis lento e de vagar, pois había moito ‘single track’. Un membro da organización nun quad, véndome na “encerrona”, abreu paso amablemente entre os bikers facéndome un aceno para seguilo, o cal foi de agradecer. Nembargantes, pouco durou esa sensación xa que inmediatamente demos co segundo avituallamento, xa por entón moi concorrido, na zona do mosteiro de Armenteira. Entre frío, choiva e a dureza do percorrido... ¡Qué esfameados chegamos todos!


Saín coma un tiro do avituallamento, mastodóntico coma en edicións anteriores e concorrido coma se dunha feira gastronómica se tratase. As forzas renovadas permitíronme coller unha velocidade de cruceiro, ainda que algo lenta pola paliza que xa levaban as patas, moi cómoda para rodar. Naqueles metros foi cando dei cun biker que levaba un ritmo parello, polo que demos en turnarnos para tirar sobrepasando a outros que se ían quedando, moitos por mor dos calambres. Curiosamente, a cara do meu acompañante extrañamente soábame, ata que me aclarou que se trataba do protagonista do cartel, anécdota que ainda nos deu para unhas risas entre subida e subida, das que había ainda para dar e tomar. Aquelo parecía non ter fin.


Xa de alí demos a unha longuísima, ata dicir basta, e divertidísima trialera non só por mor da inclinación senón porque o tupido e húmido terreno facía que as cubiertas non agarrasen pero que se deslizasen coma esquís. Nesa situación os freos eran máis inútiles que a ‘p’ de Mapfre pero cun pouco de habilidade podía baixarse sen problema. Unha gozada poder deslizarse daquel xeito por aquela trialera na que se vía perfectamente como as sachas e as eixadas traballaran cada milímetro. A sensación de diversión foi grande, pero non o foi menos a dor nos brazos que lle deixaba a un.


A guinda ó pastel foi o tramo pola Ruta da Pedra e da Auga, unha zona de pisteo rápido e cun trazado sinuoso a carón do río Armenteira entre os muíños. Un lugar perfecto para apretar e rodar rápido pero tamén para esparcir a vista polas zonas arboladas ainda coas últimas pingueiras dunha choiva que xa facía tempo deixaramos atrás. Na chegada ó arco de meta xa había gran cantidade de bikers e de participantes da combinada, pero os veciños alí congregados, que non poucos, aplaudían coma posesos a todos os que íamos chegando. Lavado de bicis e un gran avituallamento final para rematar esta festa do BTT galego que é a BTTinto.

Destacar o gran traballo levado a cabo pola organización, especialmente polos compañeiros do CC Armenteiraepunto e CDM Xesteiras xa que ainda que as circunstancias no meteorolóxico non foron as mellores para este tipo de eventos, en nada minguou o gran resultado e a gran valoración que merece a BTTinto 2014. Para o ano máis e, se é que son capaces, mellor.

Crónica: Luís Martínez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario